PONENCIAS
Estas que seguen son as miñas participacións como relator en diferentes xornadas, ciclos de conferencias e outros actos desta índole.
XORNADAS SOBRE O ENTROIDO DE GALIZA - 11 DE MARZO DE 2022
No convento de Santa Clara de Pontevedra tiven a ocasión de presentar o meu traballo "Apegotes, burros e trangallagas; ritos de escarnio e mofa na tradición galega", acto presentado pola secretaria da Sociedade Antropolóxica Galega Ana Durán e que tivo lugar dentro do programa das xornadas de entroido que cada ano organiza este colectivo na cidade do Lérez.
O JOGO DO ENTRUDO NO BRASIL COLONIAL: SEMELLANZA CO ENTROIDO OURENSÁN.
En febreiro de 2021 e no marco das "IX Xornadas sobre o Entroido de Galiza" que organiza a Sociedade Antropolóxica Galega, nunha edición que por mor da pandemía do COVID-19 se desenrolou online; fun un dos relatores das mesmas, ofrecendo unha conferencia na que falei das similitudes existentes entre os entroidos do Brasil e da Galiza, abordando estas semellanzas dende a época colonial ata o presente.
As xornadas foron divulgadas pola SAGA no seu blogue e a través das súa canle de Youtube. Podes ver a miña ponencia premendo AQUÍ ou na imaxe de abaixo.
O xornal ourensán O Sil publicaba unha nova reseñando o meu relatorio, que podes ver premendo AQUÍ.
Días máis tarde, O Sil publicaba un novo artigo no que abordaban os contidos da ponencia. Podes velo premendo AQUÍ.
VÍDEO DA PRESENTACIÓN
FESTIVIDADES DE INVERNO NA PROVINCIA DE OURENSE.
Ponencia impartida nas "VIII Xornadas sobre o Entroido de Galiza", organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), onde presentei o meu libro "Festividades de Inverno na provincia de Ourense: máscaras, personaxes e rituais", e ao mesmo tempo falei de como se desenrolou o traballo de investigación que deu como resultado a publicación deste libro, que obtivo o recoñecemento de ser o gañador do XXIII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.
Estiven acompañado polas voces e a música dos meus benqueridos Escaravellos, grupo de música da terra que interpretaron cantos tradicionais, algúns deles xurdidos da miña investigación que eles arranxaron e lle voltaron a dar vida tras ficar esquecidos durante varias décadas.
Centro Nemonón de Pontevedra, febreiro de 2020.
VÍDEO DA PRESENTACIÓN.
CANTOS, CONTOS, ROMANCES E REFRÁNS DA TRADICIÓN ORAL DE VIANA DO BOLO.
Ponencia impartida dentro do programa de actos das Letras Galegas 2019 organizados polo Concello de Viana do Bolo, acompañado polo grupo de música tradicional “Escaravellos”, coa musicalización dun canto de entroido recollido nun estudo anteriormente realizado.
Casa da Cultura de Viana do Bolo, maio 2019.
EVOLUCIÓN HISTÓRICA DO CICLO DE ENTROIDO EN VIANA DO BOLO.
Ponencia impartida no Instituto Camões de Vigo, dentro do ciclo de conferencias de entroido organizadas pola Asociación Etnográfica A Merdeira e a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo.
Na mesma fixen un percorrido polos aspectos sobranceiros da evolución da celebración da festa do entroido na vila de Viana do Bolo, atendendo tanto a cuestións etnográficas como ás propias fases polas que discorren os actos que conforman os rituais desta festividade invernal.
Instituto Camões de Vigo, xaneiro de 2018.
MÁSCARAS E PERSONAXES DO ENTROIDO OURENSÁN.
Ponencia impartida nas "IV Xornadas sobre o Entroido de Galiza", organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA).
Nesta ocasión din conta dos inicios dun traballo de investigación no que por aquel entón estaba envolto, mediante o que tentaba xuntar as diferentes representacións que a xeito de máscaras, personaxes, representacións animais e mascaradas, forman parte do folclore do entroido da provincia de Ourense.
O relatorio estivo ilustrado mediante fotografías que, destos axentes do entroido, fun facendo ao longo das miñas visitas aos lugares nos que se desenrolaban os actos festivos.
Casa da Luz de Pontevedra, febreiro de 2016.
VIANA DO BOLO: 100 ANOS DE ENTROIDO.
Ponencia presentada nas "III Xornadas sobre o Entroido de Galiza" organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA).
Un camiñar pola historia do entroido vianés a través dos axentes e celebracións que conforman a festa local. Acompañado coa proxección do documental "Cartas dende Viana", do que son coautor, e no que se relata a carta que Nicolás Tenorio (autor de "La aldea gallega"), lle envía a un sobriño residente en Sevilla, na que lle conta as súas vivenzas disfrutando dos costumes e actos polos que discorre o entroido en Viana do Bolo, lugar no que residiu nos primeiros anos de século XX cando foi o xuíz titular da vila.
Centro de Interpretación das Torres Arcebispais de Pontevedra, febreiro de 2015.
EL ENTROIDO DE VIANA DO BOLO.
Ponencia que presentaba nas “IV Xornaes de Mazcaraes d´Iviernu” celebradas en Valdesoto (Pola de Siero – Asturias).
Neste acto desenrolado no Centro Cultural de Leceñes, organizado polas asociacións de Valdesoto El Cencerru e Todos Juntos Podemos falei, como representante do concello de Viana do Bolo, das características do entroido, do seu devir ao longo da historia e das datas que conforman o ciclo festivos, debullando cada unha delas e dando conta asimesmo de todos os personaxes e máscaras que forman parte dos festexos e percorren as rúas da vila e das súas aldeas.
Na mañán seguinte tivo lugas a recepción oficial do alcalde de Siero nas dependencias do concello.
Centro Cultural de Leceñes, febreiro de 2011.
100 ANOS DE ENTROIDO: PERSONAXES E GASTRONOMÍA.
Ponencia presentada ante o alumnado do I.E.S. Carlos Casares de Viana do Bolo, a xeito de complemento lectivo e para darlles conta da historia do entroido da vila.
Esta conferencia formou parte dos actos que esta comunidade educativa programou para acompañar con contidos didácticos as celebracións que durante todo o ciclo de entroido teñen lugar no concello vianés.
Como introdución ao meu ralatorio, o animador sociocultural e amigo Óscar López Mendaña, impartiu unha master-class que versou sobre a importancia de darlle valor ao pasado como base para entender o presente.
Aula Magna do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, marzo de 2011.